14.12.06

Pola mañá

Primeiro aparece o rei dos coleópteros cun sorriso de detritívoro implacable. Non son do seu agrado e pasa de longo. Sospeito que teño forma de depredador.
Logo aparece unha planta Galaico-Surafricana en extinción temendo ser ramoneada por un herbívoro indolente coma min. Creo que a planta non ten ollos porque non mira os méus.
O coleóptero e a planta bailan medio soltos medio agarrados, máis que nada, por disimular: a vida na sabana-cidade é dura, está chea de cariñosos depredadores e teimudos herbívoros.
Un gran cazador blanco (GCB) circula borracho e sen rifle. Leva un sorriso conxelado baixo o brazo; mira sen verme ou veme sen mirar, non o teño moi claro. O GCB choca cun extrábico bosquimano de dous metros que pregunta polo seu diminuto pene como quen pregunta por unha rúa descoñecida. O bosquimano é un gañador, nótase.
Un rebaño de televisores observan con atención unha ovelliña que cacarea sistemáticamente. Todo isto, antes das 11 da mañá.
Marcho. Entro nun café e atópome cunha gallinácea alóctona e descolorida poñendo ovos imaxinarios. No xornal, todas as novas son vellas.

Um comentário:

ascárida disse...

(a ver se hoxe consigo deixar un comentario)

Moito me gustas así, desorde.