Manifesto ‘En defensa dos dereitos fundamentais en Internet’
Ante a inclusión no Anteproxecto de Lei de Economía sustentábel de modificacións lexislativas que afectan o libre exercicio das liberdades de expresión, información e o dereito de acceso á cultura a través de Internet, os xornalistas, blogueiros, usuarios, profesionais e creadores de internet manifestamos a nosa firme oposición ao proxecto, e declaramos que…
1.- Os dereitos de autor non poden situarse por riba dos dereitos fundamentais dos cidadáns, como o dereito á privacidade, á seguridade, á presunción de inocencia, á tutela xudicial efectiva e á liberdade de expresión.
2.- A suspensión de dereitos fundamentais é e debe seguir a ser competencia exclusiva do poder xudicial. Nin un peche sen sentenza. Este anteproxecto, en contra do establecido no artigo 20.5 da Constitución, pon nas mans dun órgano non xudicial -un organismo dependente do Ministerio de Cultura-, a potestade de impedir aos cidadáns españois o acceso a calquera páxina web.
3.- A nova lexislación creará inseguridade xurídica en todo o sector tecnolóxico español, prexudicando un dos poucos campos de desenvolvemento e futuro da nosa economía, obstaculizando a creación de empresas, introducindo atrancos á libre competencia e ralentizando a súa proxección internacional.
4.- A nova lexislación proposta ameaza os novos creadores e obstaculiza a creación cultural. Con Internet e os sucesivos avances tecnolóxicos democratizáronse extraordinariamente a creación e a emisión de contidos de todo tipo, que xa non proveñen prevalentemente das industrias culturais tradicionais, senón de multitude de fontes diferentes.
5.- Os autores, como todos os traballadores, teñen dereito a viviren do seu traballo con novas ideas creativas, modelos de negocio e actividades asociadas ás súas creacións. Tentar soster con cambios lexislativos unha industria obsoleta que non sabe adaptarse a este novo contorno non é nin xusto nin realista. Se o seu modelo de negocio se baseaba no control das copias das obras e en Internet non é posíbel sen vulnerar dereitos fundamentais, deberían procurar outro modelo.
6.- Consideramos que as industrias culturais necesitan para sobrevivir alternativas modernas, eficaces, críbeis e asequíbeis e que se adecúen aos novos usos sociais, en lugar de limitacións tan desproporcionadas como ineficaces para o fin que din perseguir.
7.- Internet debe funcionar de forma libre e sen interferencias políticas auspiciadas por sectores que pretenden perpetuar obsoletos modelos de negocio e imposibilitar que o saber humano siga a ser libre.
8.- Esiximos que o Goberno garanta por lei a neutralidade da Rede en España, ante calquera presión que poida producirse, como marco para o desenvolvemento dunha economía sostíbel e realista de cara ao futuro.
9.- Propoñemos unha verdadeira reforma do derecho de propiedade intelectual orientada ao seu fin: devolver á sociedade o coñecemento, promover o dominio público e limitar os abusos das entidades xestoras.
10.- En democracia as leis e as súas modificacións deben aprobarse tras o oportuno debate público e tendo consultado previamente todas as partes implicadas. Non é de recibo que se realicen cambios lexislativos que afectan a dereitos fundamentais nunha lei non orgánica e que versa sobre outra materia.
NOTA: Este manifesto foi redactado conxuntamente por xornalistas, blogueiros e internautas, nunha maratoniana sesión durante a tarde-noite de onte. Se estás de acordo, difúndeo por todas as vías que poidas.
Nenhum comentário:
Postar um comentário