31.12.09

Feliz 2009

crise, decreto do galego, crise, paro, ñoñería, Copenhague, 7000 millóns de persoas, máis crise, etc.
Da igual, a min 2009 non mo amargou ninguén do mesmo xeito que 0 2010 non mo vai amargar tampouco ninguén.
Agardo que os que ledes esto esteades na mesma situación...

21.12.09

Neopaletos

Espiral de deja vu: é inverno, 21 de decembro, vai frío, neva... ata aquí todo normal. Frío "siberiano", horror que non podo circular a 150 pola autovía, mira canta neve, qué fai o goberno?

Ser xornalista "de inverno" é unha das condicións máis baixas que pode acadar un ser humano. Ser cidadán "queixista" é un dos cumios da idiotez humana.

O Neopaletismo invádenos

10.12.09

Persoas, animais ou cousas odiosas

Se sae xogar ao fútbol embadurnado de gomina, pode que esta, logo dun proceso de difusión intracapilar acabe por afectar ao escaso cerebro contido nese casco brillante. Así que se se enfada e lle mete un patadón a un futbolista rival logo que non diga " soy humano" e "fue una reacción instintiva” porque se por algo se caracterizan os humanos é por controlar os instintos. Ergo é máis ben animaloide que humanoide. Que tampouco diga que se equivocou porque un pode estar equivocado por ignorancia ou torpeza pero un non se equivoca por ética. Simplemente é que é así ou é como a súa ética lle guía.

Se cadra a gomina non ten nada que ver no asunto e simplemente se trata dunha persoa de catadura moral exigua.

En definitiva estamos a falar dun líder, particularmente da xuventude. Así que , inda que o futbol me da absolutamente igual, considero que que non gane o Real Madrid absolutamente nada é a mellor inversión en educación (ética, moral ou para a cidadanía) que lle podemos dar á xuventude e, hai que dicilo, aos adultos deste país.

CR In memoriam

6.12.09

Descargas: todo ten unha explicación

Dicía G. algo así como "hai que ser moi tonto para que alguén pense que os internautas en España descargan cine español".
Efectivamente. Así que tal e como se viña sospeitando hai máis cousas que por suposto nunca se van recoñecer.

3.12.09

Manifesto "En defensa dos dereitos fundamentais en Internet"

Manifesto ‘En defensa dos dereitos fundamentais en Internet’

Ante a inclusión no Anteproxecto de Lei de Economía sustentábel de modificacións lexislativas que afectan o libre exercicio das liberdades de expresión, información e o dereito de acceso á cultura a través de Internet, os xornalistas, blogueiros, usuarios, profesionais e creadores de internet manifestamos a nosa firme oposición ao proxecto, e declaramos que…

1.- Os dereitos de autor non poden situarse por riba dos dereitos fundamentais dos cidadáns, como o dereito á privacidade, á seguridade, á presunción de inocencia, á tutela xudicial efectiva e á liberdade de expresión.

2.- A suspensión de dereitos fundamentais é e debe seguir a ser competencia exclusiva do poder xudicial. Nin un peche sen sentenza. Este anteproxecto, en contra do establecido no artigo 20.5 da Constitución, pon nas mans dun órgano non xudicial -un organismo dependente do Ministerio de Cultura-, a potestade de impedir aos cidadáns españois o acceso a calquera páxina web.

3.- A nova lexislación creará inseguridade xurídica en todo o sector tecnolóxico español, prexudicando un dos poucos campos de desenvolvemento e futuro da nosa economía, obstaculizando a creación de empresas, introducindo atrancos á libre competencia e ralentizando a súa proxección internacional.

4.- A nova lexislación proposta ameaza os novos creadores e obstaculiza a creación cultural. Con Internet e os sucesivos avances tecnolóxicos democratizáronse extraordinariamente a creación e a emisión de contidos de todo tipo, que xa non proveñen prevalentemente das industrias culturais tradicionais, senón de multitude de fontes diferentes.

5.- Os autores, como todos os traballadores, teñen dereito a viviren do seu traballo con novas ideas creativas, modelos de negocio e actividades asociadas ás súas creacións. Tentar soster con cambios lexislativos unha industria obsoleta que non sabe adaptarse a este novo contorno non é nin xusto nin realista. Se o seu modelo de negocio se baseaba no control das copias das obras e en Internet non é posíbel sen vulnerar dereitos fundamentais, deberían procurar outro modelo.

6.- Consideramos que as industrias culturais necesitan para sobrevivir alternativas modernas, eficaces, críbeis e asequíbeis e que se adecúen aos novos usos sociais, en lugar de limitacións tan desproporcionadas como ineficaces para o fin que din perseguir.

7.- Internet debe funcionar de forma libre e sen interferencias políticas auspiciadas por sectores que pretenden perpetuar obsoletos modelos de negocio e imposibilitar que o saber humano siga a ser libre.

8.- Esiximos que o Goberno garanta por lei a neutralidade da Rede en España, ante calquera presión que poida producirse, como marco para o desenvolvemento dunha economía sostíbel e realista de cara ao futuro.

9.- Propoñemos unha verdadeira reforma do derecho de propiedade intelectual orientada ao seu fin: devolver á sociedade o coñecemento, promover o dominio público e limitar os abusos das entidades xestoras.

10.- En democracia as leis e as súas modificacións deben aprobarse tras o oportuno debate público e tendo consultado previamente todas as partes implicadas. Non é de recibo que se realicen cambios lexislativos que afectan a dereitos fundamentais nunha lei non orgánica e que versa sobre outra materia.

NOTA: Este manifesto foi redactado conxuntamente por xornalistas, blogueiros e internautas, nunha maratoniana sesión durante a tarde-noite de onte. Se estás de acordo, difúndeo por todas as vías que poidas.