26.2.09

20090226 desordes

O bo da campaña é que ten un fin, dentro dunhas horas.
Son tan apaixoantes os políticos que temos que antes votaría por Espinete. Polo menos parecía boa persoa, cousa que ningún dos tres candidatos maioritarios que temos é. Por qué aseguro esto? non hai nada máis que pasar un chisco ás cociñas respectivas para ver a mugre que hai. Visión nihilista da política? pode, pero a min non me pillan noutra. Gratis.

Pero o rollo ainda non remata hoxe para min: o domingo terei que cumprir cas miñas obrigas acudindo de Presidente a unha mesa electoral.

Se fixera recapitulación da xente desagradable e estúpida que coñezo decataríame de que a maior parte deles son precisamente "afíns", é dicir, persoas máis ou menos próximas, particularmente no ideolóxico (capa externa da cebola). Non deixa de ser curioso e desacougante.

Ir ao CGAC con N na súa silliña. Chamativo é que chaman ao garda de seguridade para subir e baixar nun ascensor de servicio. Foron particularmente amables. Un pouco desacougante saber que estás vixiado constantemente polas cámaras e cando queríamos cambiar de planta non tiñamos máis que achegarnos ao lugar do ascensor.... N é moi lista: miraba todo pero cando lle entrou a fame protestou. Antes comer que a arte.
N ten 7 dentes que ensina cando ri. Gústanlle as bonecas rusas qu e a Profesora Manhattan trouxo da mesma Rusia hai anos. Aprende a camiñar, gústalle, buscas as nosas mans e coñece a casa á perfección.

19.2.09

Nación fallida

Frecuentemente escoitamos dun ou doutro estado que son "estados fallidos", Iraq por exemplo, o Congo, Somalia, etc.

Pola contra nunca escoitei o concepto "nación fallida". Creo que visto o visto e visto o que ven, o laminado de ideas, persoas e recursos, o ventaxismo, o ombliguismo ... en resumen, a falla de intelixencia colectiva e a corrupción de baixa intensidade como forma de goberno

Galicia é unha Nación Fallida.

Preparación

Nunha habitual saída tiven que pasar a carón de Aldeapequena por un lugar que había como un ano que non visitaba. Ía concienciado para::
  • A nova puta central eólica perfectamente inútil e ilegal pero que aí está.
  • Un "corredor de alta prestacións" Lugo, Sarria, Monforte, perfectamente innecesario e de escasa vida útil.
Pola mañán non houbo problema: a néboa impedía ver nada. Pola tarde recibín un golpe para o que non ía preparado. O val de Céltigos, río Ronfe, un dos lugares máis maravillosos que quedaban na zona e nos meus recordos está atravesado por unha nova infraestructura desas que nos fan modernos, esta vez era o AVE. Quedei petrificado ao ver o val borrado do mapa. Alí ía pescar de moi neno co meu pai, troitas, puña nasas aos cangrexos (de río, hoxe prácticamente extinguidos), alí vin o meu primeiro cuco e descubrín a miña primeira colonia de anduriña das barreiras. Con 13 anos collía o tren dende lugo a Láncara e de alí andando a este val que xa non existe. Para esto non ía preparado. A sensación é que xa non queda nada.
Viña do Oribio, teño que voltar dentro dun ano e posiblemente xa nunca o volte ver como é.

A arquitectura da cebola

e a súa elegante estructura en capas é a mellor ferramenta de análise. En realidade todo canto precisamos coñecer.

16.2.09

27-Xuño: Sonic Youth, The Eternal


Data: o 27 de Xuño, Sonic Youth publicarán o seu novo disco, The Eternal.
Mentres en Düsseldorf fan unha exposición retrospectiva sobre a súa carreira.

Galicia bilingüe e outras FRANQUICIAS

Nalgún lugar teño dito que os extremos non é que se toquen, é que se aman, acaríñanse, bícanse con língua, mexturan os suor e demáis líquidos corporais.
Este país é o país das franquicias: se uns desocupados cataláns ou vascos queiman unha foto do rei (de España) sempre teñen que saír un par de desocupados galegos a queimar unha foto. Que hai Herrikotabernas en Euskadi, pois aquí tamén se montan un par delas e tal.
A última franquicia chámase Galicia Bilingüe: que noutros lugares (din que) hai conflicto lingüístico, pois veña aquí tamén o ten que haber, imos montar unha asociación.
Logo a historia xa a coñecemos: montan unha ridícula manifa e non hai problema, que monten o que queiran, faltaban máis. O problema é que ante unha franquicia sempre hai un grupo de franquiciados que perderon calquera chispa de intelixencia a base de regar as neuronas con Estrella Galicia nas Herrikotarbernas locais: móntase unha contramanifestación onde deteñen a algúns e tal. Xa temos o escenario perfecto montado. É tan difícil decatarse que a indiferencia é a arma máis poderosa que existe fronte á franquicia bilingüe? A única forza que teñen é a que lle podan dar os megaintelixentesfranquiciados e quen fai bandeira dos seus complexos.


Mesmo, penso, que este post está de máis, para qué falar diso?


10.2.09

E mañán...

... concerto en Santiago de Compostela, na Capitol, dos Tindersticks, un dos meus grupos favoritos de finais dos 90 e principios dos 00.
Así perdereime o comezo da nova temporada de Muchachada Nui.
(non se pode estar a a todo).

6.2.09

Spotify

O último: Spotify; mireino con un pouco de excepticismo pero logo duns días teño que dicir que é todo un inventazo. Descargas un programiña e tes un montón de música para escoitar on line con total facilidade, é como ter (case) toda a discografía do mundo ao teu servicio. Digo un "montón de música" e "case" porque obviamente non está todo, mesmo falta música de bandas españolas, xa non digamos galegas... ou cousiñas así un pouco máis raras. Pero é o inventazo. Maxino un "cadea musical" (non sei xa como chamala) para o salón con conexión e o programa instalado para pinchar no salón da casa toda a música sen ter nada. Problemas: ten publicidade pero pouca. Logo de facer o neandertal, parece que a industria musical se pon as pilas. A ver que fai a SGAE (bueno, xa o sei: extinguirse forrada).
Para celebralo deixo aquí algo que me gusta moito e realmente facía tempo non escoitaba.

Purple day

Enfilo ao sur, ainda é noite. En Madrid o presidente, o rei, o príncipe, o canciller, a vicepresidenta.... reciben a un canciller púrpura dun pequeno estado, o Vaticano, que ven pedir cartos, en definitiva. Danlle os cartos e supoño que o Vaticano é unha gran ONG de cooperación ao desenvolvemento de si mesmos. "non teño tempo de pensar se son tontos ou fillosputa". Visten de antroido. Adiántame un hummer negro que debe ir como a 150 km/h. Atraveso Vigo: hai unha rotonda sen raias no chan ocupada por mandas de cuadrúpedos metálicos que se embisten uns aos outros sen tocarse (case nunca). Sego ao sur. No esteiro vai vento, humidade e moito frío. Hai un anaco mínimo de salvaxismo. E hai arroz con lumbrigante e información confidencial. Hai ondas de varios metros que asustan e hai paxaros petroleados e agonizantes.

4.2.09

Fóra, tamén neva

Volto ao tema da neve e a arrogancia/infantilismo español*. Londres, París e Milán colapsanse pola neve: velaí cidades modernas de países ricos, e no caso de Londres e París máis norteños, que tamén teñen problemas como é lóxico.
A penas unha xeración sepáranos de ser pastores de ovellas -polo menos no meu caso é así -, somos unha sociedade de novos ricos satisfeitos de nos mesmos, neourbanitas, e coa inseguridade do advenedizo, así que calquera perturbación ambiental desperta en nos medos atávicos con cheiro rural.
Unha xeración apenas sepáranos do campo, pero mirámolo como se viviramos en Manhattan dende hai 200 anos.
Só é un síntoma, un síntoma dunha sociedade lamentable. E paleta.

* por se houbera algunha dúbida emprego español como adxectivo que tamén é de aplicacioón en Galicia, as singularidades bórranse cando se trata de compartir cloacas...

2.2.09

Peak oil

Para deixar de ser tan críptico. As veces pásome.
Qué é o que máis debería preocupar á humanidade en este momento e que incompresiblemente non lle preocupa a case nin dios? O Peak oil.
2020? límite? Sabes arar con bestas? cultivar tomates? ordeñar? cándo hai que sementar o trigo? sabes matar un cocho? qué tal pastoreas? seituras? picas leña? ... e qué tal puntería tes?
E toda unha serie de traballos diversos.