31.1.07

O cerebro, un órgano flexible.

Quedamos con ª e º. O de sempre. Nunca sei exactamente qué pensar. Creo que º decidiu un día vivir con amargor. Acaba de cambiar de traballo, págallen o dobre, cambia de cidade e de vida en certo modo, ª está con el e co retoño e inda así quiexase, non está contento. Non ten porque estar contento pero a paciencia é unha virtude e mellorar sempre está ben. ª creo que vive no seu mundo, allea a todo.
Conclúo que o cerebro debería ser sempre un órgano flexible e que un minuto de amargor nunca se compensa con nada.

29.1.07

A contudencia do relativo interese.

Ignoro por qué a miña vida lle interesa a xente coa que as penas tiven contacto algunha vez e coa que dende hai máis de 15 anos que non sei nada nin me importa. Pero nos laberintos do marmurio chégame que así é: a miña vida é interesante posto que se interesan por ela e sométenna a xuicio cos escasos indicios dos que dispoñen e co intrumental de precisión quirúrxica da súa roma estulticia: asoma a mala conciencia ou simple estupidez?
Non sei, pero todo resulta domésticamente:
  • fascinante
  • estúpido
  • cómico
  • aburrido
  • ns/nc
Dous días perdido nas windfarms: neve, xeo, montañas antes bravas e agora domesticadas: a civilización fainos peores, pero sobre todo, máis feos.
En calquera caso regresa M dende o outro lado do Mediterráneo. Todo mellora.

Tiburóns 2

Cando a carniza é escasa, os tiburóns afían os dentes e abren os ollos.

23.1.07

Mellor

Como xa me sinto moito mellor e o único que hai no miña gorxa é catarro, este video para celebralo. Death in Vegas, Hands around my throat.
Outro día poño outro video de "muller desprazándose".

Javier Marías e a AVT

Volvo sobre o tema AVT: Javier Marías (un dos meus escritores en castelán favoritos) escribiu a semana pasada sobre a AVT no dominical de El País. No seu blog podedes ler o acertado artigo. Pois ben, a AVT, ao parecer decidiu denunciar a Javier Marías. Poderíanse facer moitos comentarios pero é todo tan obvio que mellor deixalo así.

20.1.07

38,5

O termómetro marca 38,5 ºC pero non é preciso miralo para saber que teño moita febre e que me sinto moi mal. O único que me saca do sofá son as brutais ganas de mexar. O paracetamol é lento e feble. Non me gusta estar enfermo e creo que non me atopaba así dendo o 2003.
Pecho os ollos e mergúllome nunha brétema rara. Aparece Haruki Murakami. Non é xaponés, curiosamente, parece máis ben un relamido rapaz norteamericano dunha universidade dos 50, ou algo así. Sorrí tímidamente e eu estou anoxado. Dígolle que o seu último libro é unha gilipollez. Así de claro. Vale, sabes escribir e poste a facelo, como che van os temas oníricos deslízaste por morfeo máis do normal, ao final chgas ás 500 páxinas, sabes que tes que rematar, non sabes cómo, e comezas a introducir novas personaxes e ámbitos para darlle unha saída a tal embrollo, eres un tramposo, Haruki. El mira para abaixo e recoñéceme que teño razón, que se lle foi a olla que a próxima vez non lle pasará, eu dígolle que máis lle vale, porque senón non lle volvo a ler nada. Abro os ollos e sego coa febre, dóenme as articulacións e teño os ollos hinchados. Pero síntome algo mellor.

12.1.07

Todo está claro

1. - Convócase unha manifa pola paz, a fin da violencia, o diálogo, a liberdade.... e un partido político anuncia que non vai ir. Quén é? Batasuna? nooooon, o PP!!
Eu, cando aprobaron a lei de partidos pensei que estaba claramente en contra, agora comezo a pesar que me parece ben pero, claramente, deberíanna aplicar a quen a infrinxe, polo menos de espíritu: o PP. Cumpriría ilegalizados por estar a favor da violencia, en contra do diálogo, etc. Agardo que pasen moitos lustros antes que semellante colectivo de miserables acaden o poder de novo. Eu vivirei máis tranquilo.
2. - O presidente da AVT saúda nun acto ao coñecido Ultradereitista Ynestrillas; éste último acude a unha misa que lle dedicaron hai pouco a Pinochet con todo tipo de berros e parafernalia fascista do máis rancio. Qué é o presidente de honra da AVT? pois o vergoñento ex-presidente Aznar, presidente de Honra do PP.
3. - En España non hai eurodiputados de ultradereita como en Franza, Bulgaria ou Rumanía, que ao parecer vanse constituir en grupo propio no europarlamento. Por qué? Obviamente porque aquí xa teñen grupo propio, o PP.

Bussines (2)

De novo nun piso 11 dunha torre de LaCoru. Xogo, sudo, e.... creo que gaño. Outra vez.

10.1.07

víctimas

Sempre considerei que ás víctimas son moi perigosas. Hai moitos exemplos ao longo da historia, tanto individuais como colectivos.

Fin

Onte foi enterrada unha tía miña, a última dunha serie de irmáns nados no primeiro cuarto do S. XX. Todos eles foron pastorearon ovellas. Ningún primo é xa pastor. Pero eu veño dunha raza de pastores (que tamén é un verso de Llamazares). Ia frío e o ceo estaba despexado. Fin.

4.1.07

"Enfermo"

Falo con Mariscal de Campo e subminístrame información do frente de batalla bastante interesante inda que predecible. Fálame do "Enfermo". "Enfermo" é un tipo que sempre estivo no ollo do furacán, pasara o que pasara, leva máis de 20 anos así; só os dictadores permanecen tanto tempo no ollo do furacán; sempre esgrime a xustifación do compromiso e o sacrificio, como os dictadores, como Fraga, por exemplo. Nestes 20 anos alí onde foi dividiu. A súa división final produciuse non hai moito. Agora semella que vai haber unha novo ruptura. "Enfermo" é como o cancro. Se cadra xa non lle quedan órganos que infectar. O seu rictus de tipo serio, o odio contido, os seus milemétricos cálculos, o seu senvivir, creo que non lle van servir de moito.

Vivo noutra galaxia,
é ano novo e
os reis magos veñen case todas as noites.