30.12.06

Champán

No PP acaban de abrir as botellas do champán. Conseguíronno.

Guía para ter un Bló (galego) de éxito.

Hai tempo que quería escribir sobre isto. O mundo dos blós é unha realidade bastante limitada, como a vida mesma. Así que aí van recomendacións para quen quera ter un bló moi visitado.

1. Ser muller (ou aparentalo). Non é completamente imprescindible pero...
2. Excitar o maxín dos tíos . A maior parte dos que len blós son tíos, así que hai que excitalos. Podes poñer fotos de softcore, glamour erótico, algo picantonas, tías sofisticadas que non se parezan moito as noivas/amigas/coñecidas/irmás, etc.
3. Para cumprir a perfección o punto 2 hai que suxerir sutilmente algún tipo de inclinación bisexual.
4. Ler a Petite Claudine. Polos puntos 2 e 3 xa vos decatariades. É máis que obvio. A inspiración está ben pero hai quen leva esto ao extremo de ler algo na Petite Claudine, poñelo no conxelador unhas semanas ou meses e logo soltalo como se fora unha descuberta orixinal. No fondo é moi útil, porque podes non ter nin idea de porno nin de software libre, lés un rato o bló de Marta Peirano e xa incluso podes escribir artigos (pagados) en medios convencionais.
5. Opinar sobre a actualidade. Obviamente cunha visión máis ou menos socialdemócrata da vida, así como un pouco progre pero sen pasarse e só as veces.
6. Lugares comunes. Unha muller cun punto de vista moi orixinal metería medo, os tipos fuxirían (puntos 2 e 3 aparte). Así que as opinións teñen que ser como o descrito no punto 5, pero con moderación. Por exemplo, se a palma Pinochet podes poñer que o inferno ten outro demo ou caralladas así; fuxir das afirmacións rotundas e bravas, non escribades "por fin palmou o fillo de puta ise" ou "un cabrón menos".
7. Melancolía. Este punto creo que é o que podería caracterizar o "bló galego de éxito". Deixar caer añoranza por un ex amante, ex noivo, ex amiga, os pasteis da abóa... cousas disas. Se se desliza un polo tobogán da ñoñería non só non hai ningún problema senón que é estupendo. Súfrese moito por aquí.
8. Ter de cando en vez, algún chispazo de humor, un pouco ñoño, eso sí. Pero con moderación que ao fin e o cabo somos galegos e o que escribe, suponse, é unha muller (si: é un comentario con un chisco de autoodio, machista e, en definitiva, reaccionario, pero pretende ser meramente descriptivo).
9. Falar un chisco de algo un pouco cultureta: algún libriño, peli ou algunha obra de teatro da vosa localidade (esto soe ter algo de cancha). O da música da moito xogo, hai que ser algo fan dalgunha banda galega (se levan camisetas a raias mellor).
10. Suxerir algo ao respecto do rollo "nación", ou está claro que Gz é unha nación (pero sen extenderse, lembrade punto 5) ou facer como que xa estades de volta diso.

Ben, se atendedes este escueto decálogo, ides ter un bló de éxito. En principio non sabemos moi ben para qué serve un bló, pero unha vez que se ten, serve para que te lean e canto máis, máis medra a túa satisfacción. Tendes a fórmula, agora adiante.
Feliz 2007.

28.12.06

Galician Fakes

Como últimamente estase esto saíndo de madre, co que é galego e co que non o é...
1. A gaita e todo iso: o auténtico instrumento nacional galego é o acordeón. A primeira gaita que escoitaron os meus país foi cando merquei aos 12 anos un disco de Milladoiro. O Celtismo fixo moito dano. Cantos maís complexos de inferioridade se teñen máis trata un de ser orixinal e diferenciarse. Por suposto tendo como referencia "pobos superiores" como os escoceses, irlandeses e todos ises. Non vaia ser que teñemos que recoñecer que os alalás son de orixe árabe.
2. As vacas. As putas vacas. Os auténticos animais domésticos propios do país foron as ovellas, as ovellas de raza galega. O das vacas é un invento que ten menos de 40 anos. Ademáis quen as impuxo foi o sistema productivo autárquico do Franquismo. Ao que vexa unha ovella, doulle un prémio.
3. O puto hinno galego: "os pinos", ou como unha especie exótica dalle nome ao hinno dun país.
.... xa seguirei outro día, pero
realmente con tanta mamonada para qué hostias queremos ser unha nación?, podemos selo?

27.12.06

Literatura (Galega) na Radio Galega

Parece claro que o que estaba a facer era bastante tedioso, así que puxen a radio. Pero non calquera senón a Radio Galega e salíu un programa chamado Diario Cultural. Falaban do mellor do 2006 en canto a literatura e de desexos para o ano que ven (onte día 27 de decembro). Ben, quedei abraiado. Os críticos e escritores/as que por alí opinaban supuñan un montón de cousas. A que máis me sorprendeu é que cren que hai un público de "literatura galega", é dicir, para a xente que lé, éstá a literatura e logo a literatura galega, por un momento pareceume escoitar a verba "consumidor"; da a impresión de que a literatura (galega) é un sistema literario ao marxe do resto da galaxia. Foi triste comprobar como falaban desta literatura (Galega) como unha especie de producto de moda, pois os criterios de interese era a innovación e a orixinalidade; en definitiva senón "innovas" ou non es "orixinal" xa non tes nada que facer; por suposto que falaban únicamente do plano estilístico que inda é máis demencial se cabe.
Menuda presión, ter que ser sempre innovador e orixinal.
En definitiva, segundo estos señores e señoras (maioritariamente) a literatura é un producto e a literatura galega un ben de consumo para un público concreto. Claro que se cadra estaban a falar só de moda, xa sabedes, gafas de sol, bolsos, pareos, jeans, vestidos otoño/inverno... etc.
Sentín noxo e algo de tristura.

23.12.06

Peña rara

Camiñando polas rúas de noite, localizo mandas e mandas de rapaciñas en minisaia con antenitas de reno. Supoño que pensarán que iso é normal. A min paréceme un síntoma preocupante (as antenitas, non as minisaias).
E mentres as antenitas de reno invaden as rúas os gardiáns das esencias preocupados por unha guitarra. Supoño que non hai outras cousas sobre as que preocuparse no país.

22.12.06

+ De Palacio

1 Chiste: que o cáncro comera axiña a Loyola demostra que as cousas de palacio non sempre van despacio.
Consideración: lembráronme que esta morta cando ainda era unha pre-morta desexoulle a Fidel Castro que a palmara canto antes. Esto non precisa ningún comentario máis.

21.12.06

Dores de cabeza

O Stress provoca dor de cabeza. Solucionable con 500 mg de paracetamol, inda que mellor empregar un gramo.
Os funcionarios (ben, moitos deles) provocan dor de cabeza. Non é solucionable. Nauseas, arcadas, vómitos, irritación, diminución do c.i., etc son outros síntomas. Recoméndase poñerse a salvo diles, pode ser contaxioso o seu gusto pola ineficacia, a lentitude, a indolencia, a impunidade, a arbitrariedade (qué curioso, non?), a incapacidade, o parroquialismo, o microfundismo e un nivel intelectual digno do peixe sapo. Ah, e viven dos teus impostos cun adosado con rubia e inda por riba teñen sindicatos e isas cousas.
E lembro que vivo nun país onde todo o mundo quere selo. Así que nin é país nin é nada, só un deserto.
Outro día farei unha apoloxía do despido.

azar 6.0

Hoxe é o día da famosa lotería esa de nadal. Esto significa, entre outras cousas, que millóns de persoas cren no azar inda que se llo preguntamos directamente nunca o admitirían. O azar determina onde naces, quén son os teus país, a quén coñeces, de quén te namoras, a quen acabas por odiar un chisco, onde traballas (máis se temos en conta que aquí a xente traballa por "contactos"). E ben, vou xa calando con este rollo. Por certo que o calvo (outro azar xenético) da lotería este ano non estivo e moitas mulleres botáronno de menos, para que logo digan.

14.12.06

Pola mañá

Primeiro aparece o rei dos coleópteros cun sorriso de detritívoro implacable. Non son do seu agrado e pasa de longo. Sospeito que teño forma de depredador.
Logo aparece unha planta Galaico-Surafricana en extinción temendo ser ramoneada por un herbívoro indolente coma min. Creo que a planta non ten ollos porque non mira os méus.
O coleóptero e a planta bailan medio soltos medio agarrados, máis que nada, por disimular: a vida na sabana-cidade é dura, está chea de cariñosos depredadores e teimudos herbívoros.
Un gran cazador blanco (GCB) circula borracho e sen rifle. Leva un sorriso conxelado baixo o brazo; mira sen verme ou veme sen mirar, non o teño moi claro. O GCB choca cun extrábico bosquimano de dous metros que pregunta polo seu diminuto pene como quen pregunta por unha rúa descoñecida. O bosquimano é un gañador, nótase.
Un rebaño de televisores observan con atención unha ovelliña que cacarea sistemáticamente. Todo isto, antes das 11 da mañá.
Marcho. Entro nun café e atópome cunha gallinácea alóctona e descolorida poñendo ovos imaxinarios. No xornal, todas as novas son vellas.

Falar mal dunha morta

Xa sei que falar mal dos mortos non está ben neste océano de buenrollismo e correctismopolítico. Hoxe os xornais fanse eco da morte de Loyola de Palacio. Coincidín con esta tipa no ano 2003 (creo lembrar) nun "rollo". A tipa parecérame o paradigma de persoa/política repugnante: non respostou a ningunha das preguntas que se lle formularon, falou do que lle deu a gana sen disimulo ningún, constantemente unha mueca de desprezo e sorna ante as intervencións dos demáis, arrogante, maleducada, insultante, á defensiva... por outra parte as súas posturas sentada eran demenciais, dunha mala educación pasmosa, histriónica ... e por último parece que non gañaba para champús: o pelo cocho e a roupa como se nese momento viñera de veder peixe na praza (con todo meu respecto para as pescantinas) en vez de ser, nese intre, unha comisaria europea, o cal a min pareceume, e non soi moito deses pareceres, unha especie de signo de desprezo en vez de sinal de austeridade. En definitiva, unha impresión de auténtico noxo. E todo iso por non comentar o seu decidido apoio á enerxía nuclear. Hoxe, veña, haberá que falar ben dila, pero que o fagan outros.

12.12.06

Pinochet continua vivo (e Fraga tamén)

Pois sí. Pinochet está vivo. É dicir, o seu corpo non, pero el si. Non sei se me explico. A cuestión é que máis de 2000 persoas maniféstanse ao seu favor (é dicir, a favor dun morto, o que supoño é estar a favor do máis alá supoñendo que exista o cal explicaría as 3.000 mortes que o finado en cuestión produciu antes de que a paisana da guadaña o pillara a il).
Este tipo de cousas son preocupantes porque morre o dictador pero eso da igual. Tan preocupante como que o famoso 14 M o PP acadara máis de 9 millóns de votos, ou que logo de 16 anos Fraga seguira acadando maioría (relativa). A propósito de Fraga, opina que deixou Chile mellor do que estaba.
Todo encaixa. E Fraga tamén segue vivo, inda que estea a favor dos mortos.

Fago notar que volto a escribir con maíusculas ao principio da frase. Non o facía e a verdade é que me gusta máis. Non sei se o outro era unha pailanada en plan modernez, creo que sí. Mil disculpas a min mesmo.

5:55 novo disco de Charlotte

A deliciosa filla do mestre Gainsbourg ten novo disco con música de Air e letras de Jarvis Cocker. Podedes disfrutar de Songs That We Sing

11.12.06

Dictators

Vacacións: moita gastronomía, moitos km., moitas máis cousas, unha perdiz, avutardas... 2 museos: Guggenheim e Musac coas exposicións máis febles que nunca lles vin, unha mágoa, inda que no segundo había unha cousa sinxela e bonita.
e un regalo de volta: o de Pinochet que morre xustamente o Día Internacional dos Dereitos Humanos. Vese que non resistiu un máis. (non perderse o link de augusto)
pero postos a falar de dictadores, eu recomendo vivamente aos The Dictators.

5.12.06

4.12.06